proxectosocheo

O Carballo Interplay organiza este ano un obradoiro de recuperación do patrimonio audiovisual de Carballo en colaboración co IES Isidro Parga. Realizarase ao longo do mes de marzo, impartido pola produtora Beli Martínez, unha das responsables do Proxecto Socheo, que naceu en 2012 como unha iniciativa da sociedade civil para localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

O Proxecto Socheo ten unha dimensión educativa na que vén colaborando co IES A Sangriña da Guarda, protagonizada polas gravacións realizadas polos rapaces do instituto. En outubro de 2014 esta iniciativa foi merecedora do Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, cuxo xurado a destacou por “recuperar a memoria audiovisual dun lugar, un barrio e un oficio a través de métodos tan sinxelos como efectivos e cinematográficos”.

É a primeira vez que a experiencia do Proxecto Socheo é replicada nunha comarca distinta á do Baixo Miño, e farase neste obradoiro que se celebrará todos os mércores do mes de marzo e no que participarán 20 alumnos do instituto Isidro Parga, acompañados de 3 profesores.

Os resultados deste obradoiro poderanse ver no II Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay o sábado 18 de abril. Nas redes sociais e no blog que se creará para a ocasión iremos dando conta de todo o proceso.

No equipo do Carballo Interplay estamos moi ilusionadas con esta actividade e agardamos que da iniciativa xurda e se consolide o interese por recompilar, dixitalizar e poñer en valor o patrimonio audiovisual de Carballo.