Os Zopilote son Xosé Castro, Andrés Mahía e Carlos Ares, os tres guionistas máis populares da ficción galega. Son os responsables de máis de trescentos guións, así como do deseño de máis dunha ducia de programas e series de televisión, entre as que destacan Mareas Vivas, Terra de Miranda, Pepe o Inglés, Air Galicia, O Nordés e Era Visto!, unha das ficcións de maior éxito da TVG nos últimos anos.
Agora atrévense a recoller o relevo que lles deixa Xosé Antonio Touriñán e Belén Regueira e afrontar o reto de expoñer publicamente o seu Código Fonte Audiovisual, cunha proxección-conferencia na que repasarán as películas, series e “artefactos audiovisuais” que forman os seus referentes.

O Código Fonte Audiovisual é un formato híbrido entre conferencia e proxección, no que se convida a un curator (este ano tres en un) a que seleccione e comente fragmentos de obras audiovisuais embebibles que marcaran a súa cultura e a súa forma de entender o mundo. Porque as lembranzas son fragmentos dun arquivo vivo que estamos producindo e reinterpretando constantemente.

Un dos imperdibles deste CIP, sen dúbida.