Xoves, 5 de maio. 19h. Pazo da Cultura.
A Coordinadora de Traballadores/as en Normalización da Lingua colabora nesta mesa redonda sobre a creación audiovisual para internet en galego.
¿Que tipo de contidos audiovisuais se fan para internet en galego? ¿Por que a súa presenza é tan baixa? ¿Existe unha temática, algunhas claves en común? ¿Cal é o público destes contidos?
Interveñen
- Poetarras
- Páramo Pictures
- Fame webserie
- Modera: Nel Vidal (CTNL)
Poetarras é un colectivo “arterrorístico” formado por Manuel Gago, Pablo Lamosa, Rubén Lino e Daniel Vilaverde que naceu, segundo eles, «en 2013 logo dunha noite de esmorga a base de licor café e Galicolas». Gañadores en 2014 do premio á mellor webserie en galego no I Carballo Interplay, son especialmente coñecidos polas súas cancións e videoclips con hits como “Lambeconas”, a versión de “Roar” de Kate Perry dedicada a Feijoo ou a que lle dedican ao río Anllóns, creada especialmente como homenaxe a Carballo a partir da canción “I’m Yours” de Jason Mraz.
Páramo Pictures é unha produtora da provincia de Lugo que triunfa en internet coas súas parodias de éxitos musicais adaptados ao mundo rural. Vídeos como o da “Bertolina” (versión de “Adrenalina” de Ricky Martin) van camiño dos dous millóns de visionados en Youtube, pero tamén teñen adaptado a Enrique Iglesias, Sia, Miley Cirus, o Gangnam Style… Ademais son creadores dunha webserie, “Veciños”, que vai polo 4º episodio, con gran éxito. O seu canal de Youtube ten máis de 13.000 suscritores.
Fame foi a gañadora do premio á mellor webserie en galego do II Carballo Interplay, en 2015. «É un proxecto que busca dar saída a unha xeración de creadores, técnicos e actores do novo audiovisual galego. Intenta ser un proxecto arriscado, non pretende copiar modelos, arrisca no xénero do thriller (pouco explotado no ámbito da webserie) e aposta pola distribución en internet». Protagonízano dúas rapazas cun modo de vida diferente, capaces de crear o seu propio universo e arrastrar con elas a quen ten a mala sorte de coñecelas. Viven na estrada e o seu oficio é seducir, secuestrar e asasinar homes. Na segunda temporada, que financiaron a través de Verkami, a sede de vinganza guía a viaxe das protagonistas, cuxas escuridades poderemos coñecer mellor botando a vista atrás cara ás súas orixes.
Colabora na organización desta mesa redonda a CTNL, que este ano cumpre 20 anos de vida traballando a prol da lingua galega en todos os ámbitos, con especial énfase na dinamización e prestixio do galego entre a mocidade.