O éxito do III Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay consolida as bases para a celebración dunha cuarta edición, “que seguirá intentando chegar cada vez máis lonxe e atraer a máis xente”, en palabras da súa directora, Sonia Méndez. “A asistencia de público foi todo un éxito, tanto nas actividades como a través das redes”, afirma Méndez, “nas que Carballo se converteu durante tres días en sinónimo de cultura e creatividade dixital global”.

O CIP converteuse nunha cita imprescindible para o sector audiovisual máis creativo e innovador. Xa é unha referencia para os creadores de contidos dixitais do Estado e con cada edición adquire máis relevancia internacional, converténdose nun punto de encontro no que coñecerse e establecer sinerxías das que xurden novos proxectos conxuntos. Bo exemplo disto é a cada vez máis numerosa asistencia de creadores internacionais e estatais ao certame, da que xurden iniciativas como a colaboración do galego Enrique Lojo cos andaluces Entertainment ou o proxecto Peter Brandon, dos Porco Bravú e máis do humorista Pedro Brandariz, que verá a luz nos próximos meses.

Un dos éxitos máis salientables desta terceira edición foi o da convocatoria de proxectos de webserie en galego, na que resultou vencedora a mencionada Peter Brandon e da que sairán alomenos tres webseries máis, as finalistas Dowson e Pillei, de Victor Grande; A Espiral de Fibonacci, de Alejandra Piot, Paula Andrade e Iria Rodríguez; e Lucas, de Oscar Pardo. Tamén a webserie Muerte al youtuber, nacida ao abeiro do programa formativo FormaCIP, adquiriu vida propia e comeza agora o seu periplo por outros festivais de webseries. O Festival adquire, así, tamén, o papel de catalizador da creatividade dixital galega.

Outro dos obxectivos que a organización do Carballo Interplay considera cumpridos nesta terceira edición é a da creación de novos públicos para a cultura dixital galega e en galego. A asistencia de nenos e nenas ás actividades formativas desta edición e a participación da rapazada nos encontros con youtubers, videobloggers, praksters e vines galegos foi todo un éxito, tanto dende o punto de vista cuantitativo como dende o cualitativo, e dá boa conta das enormes posibilidades didácticas que ofrece o Festival. “Trátase”, recorda Sonia Méndez, “de actividades formativas cun amplo espazo para a diversión, o que fai que a xente nova se implique e participe moi activamente, o que resulta moi satisfactorio para eles, para os docentes e para nós”.

A importancia da liberdade e da imaxinación

CIP2016_S07_TARDE-NOITE©DAVIDTOMBILLA_059

O discurso de Sonia Méndez na Gala de clausura do III Carballo Interplay estivo protagonizado por Ada Lovelace, unha matemática e escritora británica coñecida principalmente polo seu traballo sobre a máquina calculadora mecánica de uso xeral ou a “máquina analítica”. Entre as súas notas atópase o que se recoñece hoxe como o primeiro algoritmo destinado a ser procesado por unha máquina. Como consecuencia descríbena a miúdo como a primeira programadora de computadores da historia.

“Mentres que outros se centraron únicamente na capacidade dos computadores para facer simples cálculos numéricos”, recordou Méndez, “Ada foi máis aló: en 1843 falou dun mundo no que as máquinas programables serían esenciais para o progreso da ciencia e da tecnoloxía e mesmo declarou que estas máquinas poderían chegar a executar música, compoñer sinfonías ou complexos deseños gráficos”. “Non foi a precursora dos codificadores e hackers de hoxe en día”, aclarou, “pero si unha pioneira que foi quen de imaxinar como a seguinte xeración tecnolóxica cambiaría o mundo e fíxoo combinando o seu coñecemento matemático cunha vívida e “poética” imaxinación. En resumo, Ada Lovelace imaxinou no século XIX o que estamos a vivir no XXI”.

A figura de Ada Lovelace permitiulle á directora do Carballo Interplay defender a importancia da imaxinación e da liberdade creativa, que están na base mesma da Internet e que son imprescindibles, tamén, para desenvolver un proxecto como o CIP. “Fai falla deixar espazos para a imaxinación”, recordou Méndez, “e en Carballo levan tres anos ofrecéndonos o seu espazo e a súa confianza para deixar voar a nosa”. A directora do certame agradeceu, así, a “liberdade” e o “apoio” prestados polo Concello de Carballo e máis pola Deputación de Coruña, así como polo resto de patrocinadores.