Tertulia con Abi Power: Se a beleza non existise 2018-03-10T12:24:37+00:00
Sábado 7 de abril. 19h. Salón de actos do Pazo da Cultura.

Tertulia con Abi Power

“Se a beleza non existise”

Teresa Segura, Perra de Satán e Belena Gaynor debaterán canda Abi Power como sería un mundo se os canons de beleza non existisen, todo con moito humor.

Abi Power (Abigaíl Frías) é unha youtuber, actriz e intento de cómica de 26 anos que leva 6 subindo vídeos a Youtube. Empezou a súa aventura coa súa álter ego Adelita Power pero ao pouco tempo notou que iso non lle chegaba e comezou a gravarse como ela mesma, sen a personaxe. Na súa canle, con máis de 400.000 subscritores, podemos ver sketches, parodias musicais e sobre todo monólogos.

Na actualidade estase a centrar máis no mundo da actuación. Participou na película “Sin Rodeos”, dirixida por Santiago Segura, e hai pouco empezou a súa carreira como monologuista. Agora mesmo a súa canle de Youtube está centrada nun novo formato chamado “Señoras Fetén”, onde 3 rapazas e ela mesma falan de todo tipo de temas sen pelos na lingua e con moito humor.

Perra de Satán (Beatriz Cepeda) é unha personaxe nacida, crecida, criada e alimentada por e para Internet. Veu ao mundo a satisfacer as necesidades da súa creadora en canto a ter esa mal chamada “segunda vida” nas redes, e apareceu por primeira vez como conta en Fotolog. Cos años di telo petado “pero ben” e agora mesmo podemos atopala en infinidade de redes sociais, mais tamén en formato libro, xa que é protagonista da súa propia novela: “Kilo arriba, kilo abajo”. Ten colaborado en Weloversize, Canino, Zorras Peligrosas, Fanzine para Chicas y Maricas, e na actualidade traballa en Yasss (de Mediaset) e colabora en Días Extraños. O que máis lle presta na vida son as croquetas, os pistachos con chocolate e Quim Gutiérrez.

Belena Gaynor chámase así no mundo dixital, aínda que súa nai séguelle chamando Belén cando hai que baixar o lixo. Estudou Publicidade e Relacións Públicas, ademais de algúns outros cursos, pero nada lle ten ensinado tanto como Operación Triunfo. Viu a primeira edición con 9 anos e desde aquela non puido parar. Tanto é así que con moita ilusión, traballo e pedíndoo a través dos seus vídeos de Youtube (onde publica contido desde o 2011 e xa ten case 60.000 seguidores), conseguiu formar parte do equipo dixital de Operación Triunfo 2017. E si, os soños cúmprense, así que como consello vital só nos di: Camina, da un paso al frente y respira.

Teresa Segura é directora de produción, coordinadora e administradora de todos os proxectos de Diffferent Entertainment, coa que produciu numerosos formatos para TV, cine e Internet, como as webseries  “Malviviendo”, “Entertainment” e “Mambo” ou as longametraxes “Obra 67” e “Fogueo” De forma paralela ten traballado na produción de longametraxes, documentais e webseries, algo que compatibiliza coa docencia impartindo cursos e talleres de produción de cine e webseries para escolas de audiovisual, festivais e universidades, e coa realización de campañas de marcas nas súas redes sociais. Tamén é community manager de Sevilla Factory Dos Hermanas. Foi Directora Artística de WebSurFestival, o primeiro festival de webseries de Andalucía, e xunto con David Sainz é madriña do Carballo Interplay desde a súa primeira edición.