Código Fonte Audiovisual de Chévere 2017-04-09T08:58:26+00:00

CÓDIGO FONTE AUDIOVISUAL

con Chévere

Case sen darse de conta, neste 2017 Chévere cumpre 30 anos. Tempo abondo para aprender a confundirse entre o humor e a vida coa habilidade de quen quere pasar desapercibida para gozar da máxima liberdade. Pero tamén é o momento de sacar a carrocería pop que envolve ao grupo e mirar por dentro cal foi o combustible audiovisual que alimentou a súa capacidade para transgredir os xéneros, moldear o humor con risas pouco disimuladas ou recargar as baterías do teatro con boas doses de realidade. Iso é o que virán facer Patricia de Lorenzo e Xesús Ron: despezar o imaxinario audiovisual que se agocha dentro das obras de Chévere.

O Código Fonte Audiovisual é un formato híbrido entre conferencia e proxección, no que se convida a un curator a que seleccione e comente fragmentos de obras audiovisuais embebibles que marcaran a súa cultura e a súa forma de entender o mundo. Porque as lembranzas son fragmentos dun arquivo vivo que estamos producindo e reinterpretando constantemente.