Tecnoloxías para a (re)construción de mundos virtuais 2020-11-09T18:37:23+00:00

Tecnoloxías para a (re)construción de mundos virtuais

Con Carlos Seijo (Maxina) e Toño Cabanelas (Liveforevr). En colaboración con CREA, Asociación Galega de Proferionais da Dirección e da Realización. 

En tempos de distancia social, no que as interaccións están máis que nunca mediadas pola pantalla, as tecnoloxías emerxen para crear novos mundos pero tamén para achegarnos doutro xeito aos mundos que xa coñecemos. Os efectos dixitais, a realidade virtual e mixta ou a intelixencia artifical preséntannos posibilidades creativas abraiantes, tanto na industria audiovisual como na arte e no patrimonio cultural.

Carlos Seijo

A delgada liña vermella entre ficción e realidade

Desde a transformación de San Juan de Gaztelugatxe en Rocadragón ata a resurrección de Salvador Dalí ou a asistencia virtual a eventos. Carlos Seijo falaranos de tecnoloxías emerxentes como o deepfake ou a realidade virtual e mixta, ao tempo que nos presentará varios dos proxectos que creou á fronte do estudio Maxina.

Carlos Seijo é un creador galego de narrativas audiovisuais, cuxa exploración actual está moi ligada ás tecnoloxías emerxentes como son os contidos en realidade virtual, a fotogrametría, a renderización real time 3D ou a realidade aumentada. Con estas ferramentas Carlos desenvolveu destacadas pezas como Bacon Room VR para o Guggenheim de Bilbao ou Mamut VR para a exposición Nuestro Planeta de Netflix e Afundación.

Toño Cabanelas

Realidade extendida, artes emerxentes e patrimonio cultural

Preséntase no Carballo Interplay Liveforevr, un fanzine inmersivo e distópico que recolle patrimonio cultural en XR (Realidade Extendida), impulsado por un grupo de creadores e curators de contidos 3D sobre música, fotografía, cinema, videoxogos e arte. O seu obxectivo é darlle resposta a unha nova xeración de creadores e audiencias que demandan novos medios de expresión dixitais audiovisuais: inmersivos, aumentados, interactivos e accesibles.

Toño Cabanelas é un artista tecnolóxico, promotor e desenvolvedor de Immersive Art ubicado entre Galicia e Madrid. O seu traballo foi pioneiro en todo o mundo en varios proxectos sobre realidade extendida, onde é un experto en captura e creación de volumetría 3D, audio espacial e programación de entornos interactivos para VR/AR/XR/AI/Deep Learning. Especializouse no deseño de experiencias interactivas baseadas na fusión de arte, ciencia e tecnoloxía. Baixo a súa dirección téñense creado multitude de proxectos de gran impacto para diferentes compañías e organizacións internacionais: Apple, Samsung, Ministerio de Cultura y Deporte de España, IED, SAE Institute, Escuela EFTI, Fundación BBVA, Museo del Prado, Real Madrid, Madrid Fashion Week, Estrella Galicia, Inditex, Fundación Telefónica, Jean Paul Gaultier, Jaguar, BMW_MINI, Festival Sinsal, Fringe Festival, TEK Fest ou WOS Festival.”