Os festivais en tempos de distancia social e multipantalla 2020-11-09T18:35:07+00:00

Os festivais en tempos de distancia social e multipantalla

Con Ana Domínguez (S8), Ángel Sánchez (Play Doc), Sonia Méndez (Carballo Interplay). En colaboración con Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema. 

A distancia social imposta pola pandemia obrigou á maioría de festivais de cine e audiovisual a reiventarse ou, cando menos, a expandir o seu alcance na rede máis alá da presenza física. A colaboración con plataformas de streaming, a creación de contidos específicos para a rede ou o deseño de actividades para a súa produción e retransmisión online son algunhas das solucións que, sendo conxunturais, quizais viñeron para quedar. Cara a onde camiña o futuro destes eventos? Que novos formatos de festivais visualizamos para os vindeiros anos? Que aprendemos da experiencia deste ano? Sobre isto falaremos con representantes de distintos festivais de cine galegos que tiveron que adaptar as súas edicións de 2020 a esta nova realidade.

ANA DOMÍNGUEZ

Ana Domínguez é creadora visual e xestora cultural. É co-directora e coordinadora xeral do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, onde realiza a produción executiva e o desenvolvemento de todas as actividades da Mostra. Como creadora visual dirixiu e produciu a longametraxe Os fillos da vide, película que ha tivo un longo percorrido por festivais internacionais e foi galardoada como mellor película galega na MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico 2018. Actualmente atópase en pleno desenvolvemento de dous proxectos cinematográficos: unha nova longametraxe e unha curta experimental.

ÁNGEL SÁNCHEZ

Ángel Sánchez é co-fundador e co-director de Play-Doc, Festival Internacional de Cine de Tui, un dos  eventos audiovisuais de referencia na non ficción en España. Desde Play-Doc téñense presentado retrospectivas de lendas do cinema recoñecidas internacionalmente, como Artavazd Pelechian, Albert Maysles, Charles Burnett, Bruce Weber, Claire Simon, Lech Kowalski ou Ross McElwee, entre moitos outros. Paralelamente, desde o festival tamén organizan un gran número de talleres, laboratorios de creación e seminarios enfocados á promoción e á formación de cineastas, así como programacións cinematográficas en diferentes festivais e en centros culturais, dentro e fóra de España. En 2014 funda Play-Doc TV, plataforma de VOD dedicada á promoción de cinema independente nacional e internacional, e accesible en Asturias, Galicia e Euskadi a través do operador de cable Euskaltel. É presidente e membro fundador de Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cine, que agrupa os principais eventos audiovisuais de Galicia.

SONIA MÉNDEZ

Sonia Méndez ten unha longa traxectoria no campo da interpretación, dirección e produción audiovisual. Ten dirixidos e producidos seis curtametraxes e dúas series para internet. Recentemente dirixe e coguioniza a serie Antes de Perder para Playz (RTVE). Ademais dende o 2014 dirixe o Carballo Interplay, festival de contidos dixitais. En 2018 funda Cósmica Producións xunto a Nati Juncal Portas. Xuntas producen a longametraxe documental “A Poeta Analfabeta” e teñen en desenvolvemento a longametraxe de ficción “As Neves” e o documental “A Muller Borrada”.