Estrea “Amnesia 3.0” 2020-11-09T18:54:02+00:00

XOVES 19
22:00

VER EN YOUTUBE

Estrea “Amnesia 3.0”, de Iria Iglesias, Irene Pin e Natalia Porca. Webserie gañadora do pitching 2019

Cando o mundo esqueceu 265-C érguese cada mañá para seguir o plan de actividades que marca a súa axenda, como calquera de nós. Só que ela non lembra o día de onte. Un software implantado no cerebro humano borra a memoria a curto prazo cada noite, así as persoas poden desenvolver as súas funcións dentro do sistema na engrenaxe perfecta, sen pensar nin preguntarse. Porén, hai quen sobrevive na marxe. Son excluídxs, habitantes das Estremas. Nómades
ancoradas á tradición que foxen dese control e atesouran os vestixios dun pasado sepultado. Dúas delas, Fiz e Lía, farán estourar a normalidade ao entrar na vida de 265-C, tratando mediante unha tecnoloxía arcaica de reverter o seu bloqueo e facerlle recordar. Ao tempo, as súas accións son perseguidas por un anónimo inspector do Departamento de Seguridade Global.

Máis alá do lineal
Amnesia 3.0 é unha proposta para abandonar os límites do relato convencional. Partindo de tres puntos de vista diferentes, o público pode seguir a historia desde un ou outro roteiro. As túas decisións non mudan a historia, pero si como a percibes. Nos momentos en que as personaxes se cruzan, terás a oportunidade de seguir a unha ou outra. Segundo o que escollas, hai cousas que verás ou non, intencións ou accións que se cadra percibes doutro xeito. Porque como na vida, non todo está tan claro. O importante non é tanto o que che contan, senón como cho contan. E, sobre todo, quen.

Atreverse a soñar
Unha serie escrita e dirixida por Irene Pin, producida por Natalia Porca e Cristela Torres. A interactividade está coordinada por Iria Iglesias, tamén autora da banda sonora orixinal. Xunto a ela, nos efectos especiais, atopamos a pegada de Rocío López, tamén a cargo da dirección de arte. A dirección de fotografía asínaa Andry Milán. Quen observe os créditos verá, como é habitual neste tipo de producións, que os nosos nomes se repiten en varios postos. Somos un equipo multidisciplinar, con inquietudes por experimentar fóra dos marcos novos formatos e narrativas. Amnesia 3.0 é unha macroprodución con micropresuposto, posíbel grazas ao apoio, económico mais tamén emocional, do Carballo Interplay. Porque cremos que se pode facer ciencia ficción sen grandes efectos especiais, con historias universais contadas desde aquí. E se antes o pensabamos agora estamos seguras.

Elenco
Protagonizada por Daniel Celester, Sara Ferro, Vanessa Dorrei, Monti Castiñeiras e Duarte Galbán, coa participación especial de Isabel Naveira e Sabela Arán.