Encontro podgalego 2020-11-06T20:35:17+00:00

Encontro Podgalego

Con Isaac González (Podgalego), Iria Veiga (Sónica Cuántica, Burán), Carlos Pereiro (A gruta de Gizamaluke) e Té con Gotas

Malia que o consumo de podcasts aínda non é demasiado popular en Galicia, a produción de contidos neste formato leva anos en marcha na nosa lingua. Cada vez hai máis iniciativas na nosa lingua e máis diversas en canto a temas e enfoques. Coa axuda de Podgalego, unha web que dende hai tempo recompila todas os podcast feitos na nosa lingua, coñeceremos algúns dos máis interesantes da actualidade, especializados na divulgación de ciencia, música, videoxogos, política ou emigración. 

Isaac González

Lucense e profesor en informática, ten traballado en diversos proxectos culturais relacionados coa música, a radio e os podcasts como e-music en CuacFM, Radio Oceánica na Radio Galega, a Revista Sono-tone e outros. Actualmente participa nos podcast Sexto Grao e Burán, realizados en Radio Campus Culturae. Creou e xestiona dende 2006 Podgalego, un directorio que lista os podcast en galego.

Iria Veiga

Ferrol, 1981. Psiquiatra e divulgadora científica, participa xunto con Javier Balea na sección de vídeo Concienciadas de Praza Pública. Ademais, formo parte da tripulación da aeronave Burán, un podcast da emisora Radio CampusCulturae no que canda Isaac González, Nela Fraga, Mario Regueira falan de diversos temas, dende a perspectiva da cultura contemporánea, e poñen música mentres orbitan o planeta terra. Tamén en Radio CampusCulturae está botando a andar o podcast Sónica Cuántica, no que trata de achegar a música clásica a unha audiencia ampla, con sentido do humor.

Carlos Pereiro

Graduado en xornalismo pola USC, leva anos colaborando con suplementos de La Voz de Galicia facendo xornalismo cultural e local. En setembro do 2018 creou a Revista Morcego para cubrir ese terreo case virxe da información na nosa lingua soibre videoxogos, para pouco despois comezar co seu podcast semanal, A Gruta de Gizamaluke, coa idea de fomentar tamén este tipo de contido a través doutro formato. Levan xa máis de 50 programas, e podemos escoitalos en Ivoox, Spotify, iTunes e PontevedraViva Radio nas ondas da Boa Vila.

Té con gotas

Té con gotas é un podcast de ideas gravado desde Londres. Os xornalistas Miguel Rodríguez e Duarte Romero Varela falan dos grandes retos que afronta o Reino Unido nun mundo post-Brexit e entrevistan a emigrantes galegos que están facendo cousas interesantes, xa sexa dentro da comunidade ou no mundo profesional.