Mulleres nos videoxogos e eSports + Presentación de ‘Nerfeadas’, documental sobre o machismo nos videoxogos 2020-11-07T15:35:23+00:00

Mulleres nos videoxogos e eSports + Presentación de ‘Nerfeadas’, documental sobre o machismo nos videoxogos

Con Minia Monteagudo “Samku” e Marina Amores “Blissy”

Os videoxogos preséntanse como unha das industrias máis innovadoras pero en termos de igualdade, diversidade e inclusión están moi atrasados con respecto a outras industrias culturais. Por que sucede isto? Marina Amores, “Blissy”, dirixe a serie documental Nerfeadas, que aborda desde distintos ámbitos a cuestión do machismo na industria do videoxogo. Contamos tamén co testemuño de Minia “Samku” Monteagudo, comentarista e divulgadora de eSports con especial énfase na perspectiva de xénero. 

MINIA “SAMKU” MONTEAGUDO

Nacida en Santiago de Compostela en 1999, comezou no mundo dos eSports como fan entusiasta da esfera competitiva do League of Legends. que espertou nela un interese polos deportes electrónicos en xeral. Cando Blizzard Ent. publicou en 2016 o seu novo shooter Overwatch, viu nel a oportunidade de levar a súa paixón ao seguinte nivel, e dedicou moitas horas a descubrir os detalles técnicos do xogo e desenvolver unha comprensión profunda del. Os seus estudos en Filosofía e Musicoloxía levárona a Madrid, onde entrou en contacto coa escena competitiva do xogo en España e axiña foi descuberta e incorporada á plantilla de TitanMedia, empresa encargada da produción do Overwatch competitivo en castelán. Na actualidade dedícase ademais á creación de contido e periodismo de eSports, con especial fincapé na perspectiva de xénero, e continúa os seus estudos na Universidade Autónoma de Madrid.

MARINA AMORES “BLISSY”

Nacida en 1991 en Palma de Mallorca, graduouse en 2014 en Comunicación Audiovisual na cidade de Barcelona, onde actualmente reside. En 2016 finalizou o Máster en Teoría e Práctica do Documental Creativo. Traballou en Eurogamer.es, PlayGround e en varias empresas do sector do videoxogo como UPlay Online e Barspin Studios. Xornalista de videoxogos en revistas físicas: SFX e EDGE España. Actualmente redacta noticias de videoxogos para Mundo Deportivo. Autora de varios documentais e especializada en videoxogos e xénero, é a organizadora principal de Gaming Ladies, evento dedicado á industria do videoxogo e exclusivo de mulleres. Coordinadora e coautora de ‘Protesto!’, o primeiro conxunto de ensaios en castelán que trata o videoxogo desde unha perspectiva de xénero. Directora de Nerfeadas, serie documental sobre machismo en videoxogos.