En galego, en construción. Pitching de proxectos de webserie 2020-11-09T08:22:33+00:00

XOVES 19
16:30

En galego, en construción. Pitching de proxectos de webserie

Os finalistas deste premio a proxectos de webserie en galego que convoca o Concello de Carballo terán que defender as súas propostas diante dun xurado. Teñen 10 minutos para facelo e agárdaos un premio de 3000€ para a produción da súa webserie.

Proxectos finalistas

Cacola é un proxecto de webserie de animación 2D dixital de David Fidalgo, director, guionista, animador, director de arte e montador de varias curtas e videoclips de animación. Este ano 2020 foi finalista nos Premios Goya cunha desas curtas, Homomaquia. Cunha estética cartoon con cores planas e animacións irreais, os capítulos de Cacola presentarán historias autoconclusivas duns 30 segundos cun ton  de comedia absurda na que todo pode pasar.

LÉVEDE. Unha webserie sensual con receitas de panadería galega. Uns nenos danse o primeiro bico, coitados, co corazón batendo na
boca. É a receita primeira, a do pan. Tres radiantes adolescentes besliscanse os brazos, as costas e as nádegas, en explosiva ledicia. Traen, trouleiras, a fórmula da rosca de Pascua. Un mozo e unha moza derreten os corpos, misturan fluidos e ata prenden faíscas no ar que respiran. Ardentes así, deixan os pasos para
facer empanada de mazá. Dous vellos namorados vibran de desexo sentindo as palabras na boca do outro. Revelan, plácidamente, os apuntamentos da preparación de amendoados.

Óleo é un proxecto de ficción que retrata a soidade, o baleiro interno, a rabia e a culpa que sofren as persoas que teñen que deixar a súa vida para coidar dos demais. O Pazo Libunca, unha das arquitecturas máis coñecidas de Narón, é un protagonista máis desta webserie dirixida por Daniel Sanmartín, que combina os seus estudos e traballos con diversos proxectos persoai entre os que destaca o seu rol como vicepresidente da asociación sociocultural Patio de Butacas.

En Cebo&Allo, Román Castaño Frieiro -creador das webseries Gafas e Pallaso e As Cousas do Choio- conta a historia de dous irmáns galegos, Cebolo e Allo, moi diferentes entre eles pero cunha característica en común: a súa paixón pola gastronomía. Cebolo é un youtuber namorado das inxestas masivas e Allo goza coas experiencias culinarias selectas. Do choque entre eses dous mundos xorde este proxecto de ficción cómica.

Xurado

ALFONSO ZARAUZA

Director de cinema nado en Santiago de Compostela en 1973, inicia a súa carreira cinematográfica en 1994 rodando varias curtametraxes e coordinando obradoiros profesionais por toda Europa para a Media Business School. En Madrid fundou, xunto ao productor cubano Harold Sánchez, a productora Iroko Films, ocupando ata 2008 o cargo de director de desenvolvemento de proxectos. En 2004 escribe a súa primeira película “A ilha da morte”, premio ao mellor guión de longametraxe no festival de Trieste. En 2012 dirixe dous filmes: Encallados e Os Fenómenos e na actualidade traballa no proceso de posproducción de “Ons”, a súa quinta longametraxe.

LORENA IGLESIAS

Lorena Iglesias Lista é cómica, actriz, guionista e youtuber marxinal. Actualmente desenvolve na Academia de Cinema a serie ‘Millennials mal’, sobre unha “ millennial vella”, hipocondríaca e neófila. Desde 2019 fai un show semanal, sempre diferente, ‘Necroshow’, participa en programas de radio e colabora en eventos feministas como ‘Princesas y Darthvaders’, Riot Comedy, etc. O seu estilo cómico foi descrito como “comedia alucinada ou thinking out of the box”. Mellor ver. Mellor ver para crer.

ANTÓN VARELA

Antón Varela (A Coruña, 1992) é graduado en Comunicación Audiovisual pola UDC e cursou un Máster en Estudos de Cinema e Audiovisual Contemporáneo na Universidade Pompeu Fabra. O seu ámbito de traballo é a animación, a súa linguaxe a apropiación e o collage, e a súa materia prima recortes de imaxes que atopa por aí. O resultado é “Orfanato Atroz”, que levou o premio á mellor webserie no Carballo Interplay 2016. Recentemente, realizou para Vinte a serie de cinco capítulos “Os 20 do XX”, un percorrido pola historia de Galicia sen abandonar o seu estilo persoal.

MARÍA YÁÑEZ

María Yáñez leva dúas décadas traballando como xornalista en medios dixitais, desenvolvendo contidos audiovisuais para internet, deseñando estratexias de comunicación online e comisariando diversos proxectos de cultura dixital como o festival Carballo Interplay ou o LAIC da Coruña. Na actualidade dirixe VINTE, unha revista online de sociedade, cultura e tendencias vinculada ao xornal Praza.gal, e é docente no Master en Social Media e Contidos Dixitais da Universidade de Vigo.