Aínda estamos afinando os últimos detalles do programa desta terceira edición, pero queremos adiantavos os nomes dalgúns dos youtubers, vídeo bloggers, pranksters e viners que virán ao CIP2016, para que vaiades tomando nota. Os vindeiros 5, 6 e 7 de maio tedes unha cita en Carballo con:


Carlota Núñez é unha das Youtubers galegas máis seguidas, con máis de 68.000 suscritores no seu canal Dulceedeleche e 42.000 followers en Instagram. Coruñesa de 22 anos e estudante de produción audiovisual, leva desde 2012 publicando vídeos sobre o seu día a día, que narra no seu videoblog, e as súas paixóns, especialmente a moda e o estilismo. Algunhas marcas de roupa apostan por ela como influencer para dar a coñecer produtos entre as súas seguidoras.


Diego Novelle é Tworumbel, outro Youtuber coruñés con máis de 12.000 suscritores. O seu canal baséase no humor, en facer distintos tipos de bromas, cámaras ocultas ou entrevistas pola rúa. Con el coñeceremos o xénero youtuber dos pranksters (canais dedicados ás bromas) e cal é o tipo de humor que atrae a adolescentes e universitarios hoxe en día.

E Rubén Lino, membro do grupo Poetarras, músico e cómico. A súa especialidade é facer humor en Vine, unha rede social móbil baseada en vídeos de non máis de 6 segundos. É dos poucos viners que publica vídeos baixo o hashtag #VineGalego

De feito, os contidos dixitais en galego centrarán, precisamente, unha das liñas de traballo deste Carballo Interplay, que baixo o título ¿Hai lingua para o tubo? afondará sobre que tipo de contidos audiovisuais para internet se fan en galego, cal é a presenza destes contidos, que temáticas e claves abordan ou cal é o público. E, para facelo, pasarán polo CIP algúns dos máis coñecidos creadores dixitais galegos:


Os Páramo Pictures, integrantes dunha produtora da provincia de Lugo que triunfa en internet coas súas parodias de éxitos musicais adaptados ao mundo rural. Vídeos como o da “Bertolina” (versión de “Adrenalina” de Ricky Martin) van camiño dos dous millóns de visionados en Youtube.


Os Poetarras, un colectivo “arterrorístico” formado por Manuel Gago, Pablo Lamosa, Rubén Lino e Daniel Vilaverde que gañaron en 2014 o premio á mellor webserie en galego no I Carballo Interplay e son especialmente coñecidos polas súas cancións e videoclips con hits como “Lambeconas”, a versión de “Roar” de Kate Perry dedicada a Feijoo ou a que lle dedican ao río Anllóns, creada especialmente como homenaxe a Carballo a partir da canción “I’m Yours” de Jason Mraz.


E as Fame, gañadoras do premio á mellor webserie en galego do II Carballo Interplay, en 2015.

E isto non é máis có principio… Axiña vos contaremos máis do programa deste ano. E prometemos que ven completiño!