Xurado 2019 2019-03-15T11:39:09+00:00

Manuel Bartual

Manuel Bartual ten escrito e dirixido unha ducia de curtametraxes e unha longametraxe (“Todos tus secretos”), debuxado cómics en publicacións como El Jueves ou Orgullo y Satisfacción e deseñado para El País, Santillana, Astiberri ou Es Pop, entre outros. Tamén dirixe canda Alba Diethelm o selo editorial ¡Caramba!, especializado en cómic de humor. En 2017 o relato das súas misteriosas vacacións converteuse en trending topic mundial e foi lido a través de Twitter por centos de milleiros de persoas. “El otro Manuel” (Planeta, 2018) é a súa primeira novela. Foto: Alba Diethelm.

Natalia Flores

Natalia Flores é unha alma inquieta. Natural de Bos Aires, Arxentina, leva quince anos en España. Actualmente codirixe a axencia de publicidade Está pasando, onde fai campañas como “Sé fuerte”, da serie “Narcos”, ou o vídeo de Leticia Sabater para promocionar “Stranger Things” e encárgase da implementación de distintos proxectos de Google como “Somos más”, contra o odio e o radicalismo en internet, ou “Chicas en Youtube”, co obxectivo de darlles visibilidade ás mulleres na plataforma. Na súa vida persoal ten dous fillos, un selo independente, Club Social, onde ten editado artistas como St. Woods ou Javiera Mena e unha canle de YouTube con Borja, a súa parella, chamado Los Prieto Flores: unha rara avis no universo youtubeiro onde entrevistan personaxes de toda índole, propagan o feminismo e cóntannos a cara B da cultura popular española. Podémola atopar nas redes como @natconflores ou na porta do colexio dos seus fillos como “a mamá arxentina”.

Christian Flores

Autodidacta interesado no novo tipo de proposta audiovisual que se xera en Internet con especial fincapé na comedia, no coñecemento e na música. Traballou en varias plataformas de entretemento como Diffferent Entertainment ou Playground, onde creou o “trap de las Meninas”, que se fixo viral en todo o ámbito hispano. Ademais de seguir creando para a súa canle de Youtube e as súas redes, ten traballado en televisión para programas como “Wifileaks” e “Locomundo” (#0), ou “Proyecto Arkano”, de Producciones del Barrio para TVE.

Marta Piñeiro

Xurado CREA

Directora e realizadora audiovisual cunha traxectoria de máis de 12 anos en series de ficción para a Televisión de Galicia como “Matalobos”, “Padre Casares”, “Libro de familia” ou “Rías baixas”. Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual á Mellor Realización por “O Nordés” (2009) e “Matalobos” (2011), serie galardoada ese mesmo ano co Prix Circom europeo. Graduada en Comunicación (Creación Audiovisual) pola Universitat Oberta de Catalunya (UOC) co TFG: “Transmedia e renovación de audiencias en televisións públicas”, e titulada en Realización e posprodución Audiovisual, exerce como docente en cursos da Escola de ficción de Voz Audiovisual e de CTV producións audiovisuais. Dirixiu os documentais “Aprendendo a cambiar o conto” (2014), sobre igualdade de xénero, e “Deuteronomio 7:20” (Chanfaina Lab 2017), seleccionados, respectivamente, no Festival Internacional de Cine Mujeres en Foco (Arxentina) e no Zinebi, entre outros.

Daniel D. García

Xurado AGAG

Guionista, coordenador de guión e profesor de narrativa audiovisual. Escribiu máis de cen capítulos de series de televisión para produtoras coma Voz Audiovisual, Filmax ou Portocabo, entre elas “Padre Casares”, “Matalobos”, “A vida por diante”, “As leis de Celavella” ou “Luci”. Máis recentemente crea e escribe xunto á directora Sonia Méndez “Antes de Perder”, miniserie para a plataforma Playz de RTVE. Gañador en dúas ocasións do premio Mestre Mateo ao mellor guión.