Narrativas de ficción en Twitter. Con Manuel Bartual e El Hematocrítico. 2019-03-10T20:23:13+00:00
Sábado 6 de abril. Auditorio do Pazo da Cultura. 11h.

Narrativas de ficción en Twitter. Con Manuel Bartual e El Hematocrítico

No medio de todo o ruído, debate, memes, polémicas e ‘zascas’ que se producen en Twitter, tamén é posible contar historias de ficción que enganchen a milleiros de usuarios. Disto sabe moito Manuel Bartual, que no verán de 2017 conseguiu facer viral un elaborado fío no que contaba unha historia de misterio sobre as súas propias vacacións, e despois diso creou varios relatos máis nesta rede social. Tamén Miguel López, Hematocrítico, que xunta as súas facetas de tuiteiro famoso e escritor para erguer sagas de ficción pegadas á actualidade coa participación dos seus seguidores. Os dous creadores visitan o Interplay para falar da súa experiencia usando Twitter como medio para contar historias.

Manuel Bartual

Manuel Bartual ten escrito e dirixido unha ducia de curtametraxes e unha longametraxe (“Todos tus secretos”), debuxado cómics en publicacións como El Jueves ou Orgullo y Satisfacción e deseñado para El País, Santillana, Astiberri ou Es Pop, entre outros. Tamén dirixe canda Alba Diethelm o selo editorial ¡Caramba!, especializado en cómic de humor. En 2017 o relato das súas misteriosas vacacións converteuse en trending topic mundial e foi lido a través de Twitter por centos de milleiros de persoas. “El otro Manuel” (Planeta, 2018) é a súa primeira novela.

El Hematocrítico

Miguel López, El Hematocrítico, é un profesor de educación infantil da Coruña na vida e non se sabe moi ben o qué en internet. Creador de importantes blogs de humor como “El Hematocrítico de Arte” e “Drama en el Portal”. Colaborou en diversos medios como Atresmedia, El Diario, Mongolia ou Cinemanía. É tamén autor de libros infantís como “Feliz Feroz” e “Agente Ricitos” (Anaya) e é un de Los Hermanos Podcast canda Noel Ceballos. En Twitter, ademais de comentar diariamente a actualidade para os seus 125.000 seguidores, ten levado a cabo varios experimentos literarios interactivos, como a saga “Legends of Hemato”, que este ano continuou con “Shadows of Hemato”.