Encontro con creadores galegos de internet (II) 2019-03-10T21:04:11+00:00
Sábado 6 de abril. Salón de actos do Pazo da Cultura. 17h.

Encontro con creadores galegos de internet (II)

No último ano asistimos a unha explosión de creatividade na rede galega, con Youtubers, Instagramers… moitas rapazas e rapaces novos exhibindo o seu talento nas redes. Quixemos xuntar uns poucos no Carballo Interplay.

Alba Mancebo

Xornalista, naceu en Vimianzo en 1993 e despois de colaborar en varios medios, entre eles a Radio Galega, forma parte na actualidade do equipo de redes da Televisión de Galicia. Neste departamento non só manexa as redes socias da cadea senón que crea contidos especiais destinados a Instagram e outros soportes.

Edu Fernández

Edu Fernández (Bilbao, 1987) é un artista e performer. É Máster de Arte Contemporánea pola Universidad Europea de Madrid e graduado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Estudou durante varios anos no estranxeiro en países como Alemania, Bélxica e Brasil. O seu traballo artístico centrase na identidade e na performance. Séntese moi cómodo utilizando diferentes medios e buscando novos formatos e linguaxes híbridas. A súa obra foi exhibida en museos e galerías, tamén estudada no entorno académico e na universidade. Gañou numerosos premios  e actuou en varias televisións e espectáculos. Podemos ver boa parte do seu traballo na súa canle de Youtube, como o videoclip da canción “Chica de la Coru”, que se fixo viral en 2015.

Olaxonmario

Unha das revelacións do YouTube galego no último ano. O discurso de Olaxonmario cuestiona iconas da cultura popular galega desta década como Land Rober, os Heredeiros da Crus ou os anuncios de Gadis, cunha mirada crítica millennial, feminista e queer. Defínese así: ‘Son galenazi, mariconazi e feminazi, e llutuber tamén, supoño. Teño moitas cousas moi importantes que contar. Non sei por onde empezar así que vou parar.’

María Mera

Coñecémola da Televisión de Galicia polo seu traballo como actriz (“Matalobos”, “Dalia a modista”, “O sabor das margaridas”) ou presentadora (“Un mundo de nenos”, “Como o da casa non hai”, “Luar). Pero ademais sempre foi activa na web e redes sociais. Nos últimos tempos potenciou o seu perfil de influencer con contidos sobre maternidade e outras facetas da súa vida persoal e profesional, tanto en Youtube como en Instagram.