PREMIO A PROXECTO_2019 2018-11-11T14:12:31+00:00

PREMIO A PROXECTO EN GALEGO

O Carballo Interplay, na súa 6ª edición,  convoca o premio a proxectos seriados para internet en galego, que ten por obxectivo a incentivación e o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en internet. 

As gañadoras do  premio na V edición do festival polo proxecto “Sígueme”

Descarga AQUÍ as bases completas do premio.

CARACTERÍSTICAS DOS PROXECTOS

Os proxectos presentados a este premio deben estar referidos á creación de contidos audiovisuais que han reunir as seguintes características básicas:

-Deben ser creacións audiovisuais propias e orixinais.
-Poden ser de imaxe real, animación, stop motion, técnica combinada, etc.
-As creacións audiovisuais deben estar pensadas para seren publicadas e difundidas a través de internet e mediante capítulos, episodios ou partes (como mínimo tres).
-Non hai ningún tipo de restrición de temática, xénero, estilo, nin persoas destinatarias, sempre que non conteñan ningún tipo de contido ofensivo contra ninguén.
-Deben ser gravadas orixinalmente en galego e esta debe ser a lingua do seu título e créditos.

PREMIO

O premio ten unha dotación económica de 1.500 euros e deberá destinarse exclusivamente á produción de, polo menos, tres vídeos da webserie do proxecto premiado.

PRAZO
Poderán presentarse proxectos dende a publicación das bases ata o 17 de marzo de 2019.

DOCUMENTACIÓN REQUERIDA

Os/as solicitantes deberán enviar ao enderezo electrónico direccion@carballointerplay.com, e indicando no asunto do correo “Proxecto de webserie en galego”, a seguinte documentación nun arquivo en formato pdf.

-Historial profesional do/a solicitante, persoa, entidade ou produtora.
-Sinopse do proxecto (máximo 1 páxina).
-Memoria explicativa do proxecto (máximo 5 páxinas).
-Guión definitivo do primeiro capítulo.
-Calendario da produción.
-Currículo do equipo técnico e artístico.
-Plan de comunicación e presenza en RRSS.
-Ligazón a teaser visual da webserie.
-Calquera outra documentación que o/a solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

PROXECTOS FINALISTAS

O comité de selección nomeado para o caso escollerá os proxectos finalistas. Os/as responsables dos proxectos finalistas terán que defender o seu proxecto facendo un piching nun tempo máximo de 15 minutos ante os/as membros do xurado específico para esta convocatoria, coa intención de convencer da calidade, orixinalidade, necesidade e viabilidade do proxecto. O piching será aberto ao público e terá lugar dentro da programación do festival.

XURADO ESPECÍFICO

O xurado específico estará composto por persoas de recoñecida capacidade dos ámbitos do audiovisual, da creación en rede e da normalización lingüística, un representante do Concello de Carballo e un representante do equipo directivo do festival. O xurado específico publicarase na páxina web do festival. Valorarase a creatividade e a orixinalidade da proposta, a calidade creativa e audiovisual e o impacto favorable para a posta en valor do galego, así como a súa viabilidade de cara á produción.

O Concello de Carballo resérvase o dereito de deixar deserto o premio no caso de non concorreren a concurso un mínimo de tres proxectos finalistas.

O proxecto de webserie premiada farase público o día da gala de entrega de premios do festival. Cando menos un/ha dos/as representantes de cada proxecto finalista deberá estar presentes na devandita gala.