PREMIO A PROXECTO 2019-11-07T12:03:41+00:00

Premio a proxecto de serie en galego

O Carballo Interplay, na súa 7ª edición, convoca o premio a proxectos seriados para internet en galego, que ten por obxectivo a incentivación e o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en internet dotado con 3000 euros.

Os catro finalistas defenderán o seu proxecto diante do xurado específico dentro da programación do festival.

CARACTERÍSTICAS DOS PROXECTOS

Os proxectos presentados a este premio deben estar referidos á creación de contidos audiovisuais que han reunir as seguintes características básicas:

-Deben ser creacións audiovisuais propias e orixinais.
-Poden ser de imaxe real, animación, stop motion, técnica combinada, etc.
-As creacións audiovisuais deben estar pensadas para seren publicadas e difundidas a través de internet e mediante capítulos, episodios ou partes (como mínimo tres).
-Non hai ningún tipo de restrición de temática, xénero, estilo, nin persoas destinatarias, sempre que non conteñan ningún tipo de contido ofensivo contra ninguén.
-Deben ser gravadas orixinalmente en galego e esta debe ser a lingua do seu título e créditos.

PREMIO

O premio ten unha dotación económica de 3.000 euros e deberá destinarse exclusivamente á produción de, polo menos, tres vídeos da serie do proxecto premiado.

O premio estará suxeito ás posibles retencións fiscais que a lei estableza.

PRAZO

Poderán presentarse proxectos dende a publicación das bases ata o 15 de marzo de 2020.

DOCUMENTACIÓN REQUERIDA

Os/as solicitantes deberán enviar ao enderezo electrónico direccion@carballointerplay.com, e indicando no asunto do correo “Proxecto de webserie en galego”, a seguinte documentación nun único arquivo en formato pdf.

-Historial profesional do/a solicitante, persoa, entidade ou produtora.
-Sinopse do proxecto (máximo 1 páxina).
-Memoria explicativa do proxecto (máximo 5 páxinas).
-Guión do primeiro capítulo.
-Calendario da produción.
-Currículo do equipo técnico e artístico.
-Plan de comunicación e presenza en RRSS.
-Ligazón a teaser visual da webserie.
-Calquera outra documentación que o/a solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.