PREMIO A PROXECTO_2019 2019-03-25T08:10:29+00:00

Premio a proxecto de webserie en galego

O Carballo Interplay, na súa 6ª edición, convoca o premio a proxectos seriados para internet en galego, que ten por obxectivo a incentivación e o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en internet.

Os catro finalistas defenderán o seu proxecto diante do xurado específico formado por Sandra Lesta, Nati Juncal, Enrique Lojo e Xosé Regueira.

Proxectos finalistas

Válgame Deus!

Don Antonio é o novo cura dunha pequena aldea galega, chega substituíndo a Don Cesáreo, o antigo cura da capela, o cal marcha por xubilación. Don Antonio é un cura aínda moi novo e o pobre chega á vila para intentar, dentro do posible, entender aos seus fregueses e poñer un pouco de orde entre eles. Pero pronto decatarase de que non é unha tarefa doada. Trouleiro, avaricioso, indiscreto, pillabán… Toni non é un cura moi convencional pero é o moderador ao que todos os veciños acoden. Cada día para el é unha nova aventura que atender dentro desta parroquia. Canto poderá soportar este servo de Deus?

Dirección: Rubén Rodríguez
Reparto: David Perdomo, Isabel Risco, Evaristo Calvo, Raquel Fernández

Amnesia

265-C érguese cada mañá para seguir o seu plan de actividades. Como calquera de nós. Pero ela non recorda o que aconteceu onte. Axudadas por un software implantado nos seus cerebros, as persoas borran a información asimilada no apartado da memoria a curto prazo. Así, xs individuxs desenvolven as súas funcións dentro do sistema, ordenadas case a modo dun simulador social polas súas axendas, sen caer na rutina. Tamén sen pensar nin preguntarse. Unha realidade que até os ordenadores de Matrix envexarían. Pero dentro desta harmoniosa utopía, hai quen sobrevive na marxe. Son excluídxs, habitantes das estremas. Nómades ancorados á tradición que foxen deste control, condenados a non atoparse. Gardiáns dese pasado sepultado, o seu berro é unha chamada de atención a un mundo que esqueceu quen era. As irmás Fiz e Lía farán colisionar este territorio ao entrar na vida de 265-C, tratando mediante unha tecnoloxía arcaica de facerlle lembrar. Ao mesmo tempo, as súas accións son perseguidas e monitorizadas por un anónimo inspector do Departamento de Seguridade Global.

Equipo: Iria Iglesias, Natalia Porca e Irene Pin

A mafia da verdade

“A verdade era mentira. Na era da posverdade e as fake news, a Mafia da Verdade é unha organización empresarial cuxo obxectivo é que a Verdade saia á luz aínda que teñan que actuar fóra da lei. En cada misión, os seus membros (os Verdadeiros) desencadean que as persoas teñan que recoñecer unha Verdade de desbloqueo que rompe a cadea de sucesos que leva repetíndose en base á mentira e ao descoñecemento. Provocan que cambien as vidas dos que abren os ollos á autenticidade e á intensidade espertando todo tipo de reaccións humanas, dende a gratitude ata a destrución. ”

Equipo: Cristina Moreira, Juanpa Ameneiros, David Iglesias Troche
Reparto: María Alkayali, Sara Sanz, Carmen Blanco, Xosé Lopez

Xan

Xan non é un millenial calquera. Ten un superpoder. Conta coa capacidade de non dicir nada. Non foi picado por unha araña radioactíva silenciosa. A súa realidade, simplemente, deixouno sen palabras. Isto, dito así, de primeiras, non semella moi impresionante. Porén, ao non falar, Xan é quen de analizar todo o que acontece ao seu redor. E o que acontece ao seu redor, é surrealista de carallo. Esta característica do seu universo pode deberse a que é o prota dunha webserie. Ou non. Ao mellor, a nosa realidade é igual de surrealista que a de Xan, e non nos decatamos porque sempre estamos a parolar. Quen sabe…

Xan fai unha vida bastante normal. Ten colegas cos que pasa as tardiñas, come xeados, lee banda deseñada… Pero sempre hai algo que desestabiliza o equilibrio natural da súa existencia. As veces son intrincados dilemas morais ou inxustizas que non pode aturar. Outras veces é un tema de trap que o arrastra dentro dun videoclip en formato 4:3. Calquera cousa pode acontecer no seu mundo. Calquera cousa, menos a súa propia voz.

Dirixe: Lucía Estévez
Interpreta e guioniza: Miguel Canalejo