CAMPAMENTO KAMIKAZE 2019-03-19T17:43:19+00:00

Non é un taller…
Non é un curso…
É unha experiencia kamikaze.

Tres días de convivencia e creatividade na contorna incomparable da praia de Razo traballando en equipo con profesionais do mundo das series dixitais e do audiovisual. Os/as participantes enfrontaranse ao reto de idear, gravar e postproducir Dinosaurios. Os capítulos resultantes estrenaranse na apertura da VI edición do festival. Como novidade nesta edición o mellor capítulo de Dinosaurio será premiado con 400 euros.
Ven facer un Dinosaurio!

Info

1-2 e 3 de Abril
Recepción + check in as 9:30
Na cafetería do Raz Surf Camp (Praia de Razo, Carballo)
Check out 3 de Abril ás 12:00. A actividade continuará non Pazo de Cultura de Carballo ate as 17:00 horas.
24 prazas
Dirixido a estudantes, profesionais do audiovisual e creadores/as de contidos dixitais para internet.
PREZO: 150 euros (inclúe aloxamento en habitacións compartidas e pensión completa)
Non se proverá de material técnico.
As prazas asignaranse logo dun proceso de selección. Non fai falla ser profesional para participar, só ter ganas de aventura audiovisual!

PRAZO DE INSCRICIÓN PECHADO

Est@s son @s monitor@s do campamento

ANDRÉS GOTEIRA

Enxeñeiro técnico de telecomunicacións pola Uvigo, técnico de son, director e profesor. Socio fundador da produtora Gaitafilmes. Despois de ter realizado varias curtametraxes escribe e dirixe Dhogs, debut na longametraxe coa que percorreu un gran número de festivais por todo o mundo. Actualmente traballa na preprodución dun documental creativo (Welcome to ma maison) e no guión da súa segunda película de ficción (A pequena varición).

SUSO LÓPEZ

Enxeñeiro industrial pola UDC. Traballa como produtor, comercial e profesor. Socio fundador da produtora Gaitafilmes. Leva facendo curtas con Andrés Goteira dende hai máis de 10 anos. Participou na maior parte dos traballos do director así como en outras producións, como Limbo de Dani Viqueira. Foi produtor e actor en DHOGS, o debut na longametraxe de Goteira, que percorreu un gran número de festivais por todo o mundo. Repetirá roles coa peza documental/biopic no que están a traballar agora: Welcome to ma maison. Tamén traballa na organización dos festivais M de Cine e Meirendas e forma parte dos grupos musicais Voladura e Os Bluesomes.

NATI JUNCAL

Nati Juncal Portas produtora de Cósmica Producións coa que produce a serie dixital “Antes de Perder” para Playz-RTVE. Cursou diversos talleres especializados en Produción de cinema na New York Film Academy, Raindance London School e EAVE @Santiago de Compostela. Ten unha traxectoria multidisciplinar en cine, televisión, documental e publicidade en multitude de produtoras. Produciu as curtametraxes “Leo y Mario (se dejan)”, “As dama negras”, “Conversa cunha muller morta”, “Ei,guapa!” dirixidas por Sonia Méndez  e a webserie “Angélica & Roberta” de Sandra Lesta e Sonia Méndez dirixida por Judas Diz e Xacio Baño.Recentemente ocupouse da dirección e xefatura de produción das longametraxes “Tempo Vertical” de Lois Patiño (Zeitun Films) e “Longa Noite” de Eloy Enciso (Fílmika Galaica).

SANDRA SÁNCHEZ

Directora, montadora, e guionista ocasional. Tras dirixir varios documentais e series, en 2011 estrea a súa primeira longametraxe, Tralas Luces, un traballo moi persoal no que asumiu dirección, guión, montaxe e fotografía. Pasou polo Festival de Cine de San Sebastián, recibiu 3 premios Mestre Mateo, e a Mención Especial do Xurado nos Premios da Crítica Gallega 2011. Como montadora ten unha longa experiencia, con filmes como Esquece Monelos, de Ángeles Huerta, Migas de Pan, de Manane Rodríguez, Querida Gina, de Susana Sotelo, Doentes, de Gustavo Balza, ou Rafael, de Xavier Bermúdez, ademáis de numerosos documentais, curtametraxes e series de televisión. En 2016 realizou a peza Matías, dentro do II encontro de cineastas Chanfaina Lab, en San Sadurniño, e en 2018 estreou a curtametraxe A Nena Azul

DANIEL D. GARCÍA

Guionista, coordenador de guión e profesor de narrativa audiovisual, en quince anos de carreira ten explorado tanto a televisión como os proxectos para o cinema, tanto a ficción como os programas, curtametraxes e vídeos experimentais. Escribiu máis de cen capítulos de series de televisión de todos os xéneros para produtoras coma Voz Audiovisual, Filmax ou Portocabo, entre elas éxitos da TVG como “Padre Casares”, “Matalobos”, “A vida por diante”, “As leis de Celavella” ou “Terra de Miranda”. Máis recentemente crea e escribe xunto á directora Sonia Méndez “Antes de Perder”, miniserie finalizada e pendente de emisión para a plataforma Playz de TVE.

LUCÍA ESTÉVEZ

Lucía Estévez é graduada en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e en Oporto. Traballa en diferentes proxectos nos departamentos de cámara e dirección: Serramoura, Trote, Antes de Perder, Arima, Cuerpo de Élite: Misión Palomares ou María (y los demás) entre outros. Tamén traballa nos espectáculos de teatro O Empapelado Amarelo, A Leituga e O Inspector.  En 2018 recibe o premio María Luz Morales a Mellor Videoensaio sobre Audiovisual Galego pola súa peza Muller Personaxe, gaña o Concurso A Fume de Carozo, organizado pola Asociación Senunpeso pola súa curta de ficción Siro. En 2017 recibe a subvención de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego pola súa curtametraxe Sendeiro, que continúa a súa distribución.

DANI VIQUEIRA

Técnico en Realización e Imaxe na Escola de imaxe e son de  A Coruña e Master en Montaxe e Postprodución de FX na escola Trazos de Madrid. Traballa en diferentes produtoras, tocando diferentes postos de traballos, Realizador, Postprodución, Editor e Camara de Programas e series de Televisión. Mestre Mateo 2018 á mellor Realización. Actualmente está distribuíndo a súa curtametraxe opera prima Limbo que actualmente leva 17 seleccións Nacionais e Internacionais e 7 premios.