Gala de clausura do festival 2018-03-10T12:27:15+00:00
Sábado 7 de abril. 21h. Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo.

Gala de clausura do festival

“Mulleres e tecnoloxía: unha unión imposible?”  é o título que leva o capítulo do programa Misterios de Universos Para-lelos que se gravará en directo na nosa Gala. A través do cabaret, o cuplé, o falso documental e a improvisación experimental faremos un percorrido pola vida dalgunhas das mulleres que protagonizan o Festival Carballo Interplay deste ano, contando con testemuñas presenciais que nos axudarán a desvelar os segredos deste estraño fenómeno.

Presentadora: Akira Valero

Guión: Sandra Lesta e Akira Valero

Dirección: Sandra Lesta

Akira leva xa 16 anos no mundo das artes escénicas. Formouse en Barcelona, con diferentes técnicas e mestres, pero sempre buscando a mesma liña: o corpo e a comedia. Cando descubriu a Commedia dell’arte e a improvisación, a súa visión do teatro expandiuse e espertou nela un proceso de investigación sobre estas técnicas, nas que segue afondando a día de hoxe. Fascínalle tamén o traballo vogal e ten facilidade para poñerlles voces, acentos e tesituras ás personaxes que traballa. Na actualidade, compaxina a docencia na escola Espazo Aberto de Santiago con actuacións de improvisación por todo o territorio nacional e é unha das actrices principais do espectáculo de clown Smart e no de microcabaré Abuelo Cuplé.