Da aula á rede: experiencias de creación audiovisual en secundaria 2018-03-28T13:28:11+00:00
Venres 6 de abril. 11h. Auditorio do Pazo da Cultura. AFORO COMPLETO.

Da aula á rede

Experiencias de creación audiovisual en secundaria

A cuarta parede das aulas dun instituto pode estar nos móbiles, nas canles de Youtube, nas stories de Instagram. Da man de tres docentes imos coñecer distintas experiencias audiovisuais protagonizadas por alumnado de ensino medio contando a través de imaxes o que aprende das aulas de plástica, de tecnoloxía e mesmo de bioloxía.
Con Ana Moreiras (Olloboi, IES A Cachada de Boiro), Manolo González (IES Concepción Arenal de Ferrol) e Luis Miguel Pérez (IES O Castro de Vigo)

Ana Moreiras é unha luguesa licenciada en Físicas que traballa en Boiro de profesora de Tecnoloxía. Intenta aplicar o que sabe de ciencias ás artes e o de artes ás ciencias, dando así lugar a proxectos de audiovisual e robótica como STARgal, no IESP A Cachada, que tamén participou en iniciativas de innovación audiovisual como EPDLab ou Amores Prohibidos 2.0, a obra de teatro transmedia creada polo Grupo Chévere en 2012. Tamén coorganiza o festival audiovisual escolar Olloboi. Cando non está en aulas ou asteleiros, mira de sentarse nun curruncho a pintar o que ve, e así aspira a xubilarse.

Manolo González é un referente no mundo audiovisual en Galicia por ser creador e profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña nos 90, e director da Axencia Audiovisual Galega da Xunta de Galicia entre 2006 e 2009. Pero a súa paixón, ademais do cine, son as aulas: “Din que xa son moi veterano nisto do audiovisual nas aulas e debe ser verdade, porque comecei hai 36 anos neste choio. Mais tamén sei que sigo a ter a cabeza e o corazón arredor da xente nova, coa que convivo varias horas cada día no Instituto, tentando converter o móbil nun bolígrafo e a rede nunha xanela aberta para partillar todos os universos posibles do cinema e da expresión audiovisual. E non hai día que non aprenda algo novo dos mozos e mozas cos que comparto o devalar do tempo no IES Concepción Arenal de Ferrol. Desa teima é xusto do que imos falar. O cinema d@s moz@s como cinema wabisabi: filmes que procuran a beleza do imperfecto, porque só aspiran a seren expresión libre e auténtica, sendo ao tempo a fonte de aprendizaxe das linguaxes audiovisuais. É o que facemos na materia de Cultura audiovisual 2 do Bacharelato de Artes. No blog da clase están colgados aproximadamente 250 vídeos realizados neste curso agrupados por categorías nas pestañas da web. Os títulos están colocados segundo os dous cursos que imparto e por orde alfabética.”

Luís Pérez é profesor de Ciencias Naturais desde 1998. Desde que no 2002 abriu unha conta en Tuenti «para ser respectado polos alumnos», o uso das redes sociais como ferramenta educativa é a súa obsesión. «Twitter como ferramenta de debate e procura de información, Facebook como altofalante e canle do departamento de Ciencias e Instagram como a ferramenta fundamental que veu para quedar; xerando cambios sociais, de identidade e  autorreferenciais que están por valorar». Durante un período de catro anos decidiu formarse en marketing, redes sociais e identidade dixital. Saír do ensino e volver ao mundo da empresa foi o seu reto. Coordinou a posta en funcionamento de proxectos internacionais de branding, comunicación e implementación de marca con Instagram como canle fundamental. De volta ás aulas decidiu trasladar todo o aprendido ao seu alumnado. O resultado de todo este percorrido é  #educagram. Aventuras educativas en Instagram. Desde o 2017 utiliza Instagram en todos os seus proxectos educativos como ferramenta de comunicación focalizada na creatividade do propio alumnado. «Todo un reto que nos está levando a descubrir talentos adolescentes cheos de forza e proxección», como demostra no seu labor como docente do IES O Castro de Vigo.