Como petamos as redes con Operación Triunfo. 2018-03-10T12:23:37+00:00
Sábado 7 de abril. 11:30h. Pazo da Cultura de Carballo.

Como petamos as redes con Operación Triunfo

Conversa con Carolina Iglesias e Belena Gaynor.

O regreso de Operación Triunfo arrasou como todo un furacán mediático e fenómeno social, superando mesmo o éxito da primeira edición en 2001. E isto débese en boa parte a que foi moito máis que un programa de televisión. Un auténtico formato transmedia onde a emisión en Youtube do que pasaba na Academia e a xestión da conversa nas redes sociais (que o levou a ser TT todos os días da súa emisión) dánnos moitas leccións de como implicar a audiencia máis nova nun formato de entretemento para o século XXI.

Belena Gaynor chámase así no mundo dixital, aínda que súa nai séguelle chamando Belén cando hai que baixar o lixo. Estudou Publicidade e Relacións Públicas, ademais de algúns outros cursos, pero nada lle ten ensinado tanto como Operación Triunfo. Viu a primeira edición con 9 anos e desde aquela non puido parar. Tanto é así que con moita ilusión, traballo e pedíndoo a través dos seus vídeos de Youtube (onde publica contido desde o 2011 e xa ten case 60.000 seguidores), conseguiu formar parte do equipo dixital de Operación Triunfo 2017. E si, os soños cúmprense, así que como consello vital só nos di: Camina, da un paso al frente y respira.

Carolina Iglesias é da Coruña pero vive en Madrid, onde traballa como guionista e comediante, e mantén o canal de Youtube Percebes y grelos, con perto de 50.000 suscritores. Fan da cultura mamarracha, gústalle o hortera, falar de escatoloxía, Raphael, e os programas de televisión dos 90. A pesar de que ela mesma naceu a mediados dos 90. Co seu ton irreverente, co que colabora con Los 40 principales e VodafoneYu, é unha das cómicas máis novas e prometedoras do panorama estatal. Nos últimos tempos puidemos vela colaborando no Chat de Operación Triunfo, en espazos como Yasss de Mediaset, e ata ten o seu propio show en directo, Que vuelva Fotolog, que comparte con Esty Quesada “Soy una pringada”.