Premio a proxecto de webserie en galego 2018-03-22T20:40:55+00:00

Premio a proxecto de webserie en galego

O Carballo Interplay, na súa V edición,  convoca o premio a proxectos de webserie en galego, que ten por obxectivo a incentivación e o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en internet.

Os catro finalistas defenderán o seu proxecto diante do xurado específico formado por Alberto Fernández Torres (Subdirector de contidos e transmedia RTVE Digital), Maya Nieto Maidagán (directora dixital en Globomedia), José Pereira Fariña (director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG), Xosé Regueira (concelleiro de Promoción Económica de Carballo) e Sonia Méndez (directora do Carballo Interplay).

Proxectos finalistas

Sígueme

Unha moza limpadora nun centro de psicoloxía, ao ser expulsada da universidade por un estudo experimental de crítica á psicoloxía máis convencional, decide continuar clandestinamente o seu estudo coas persoas que acoden a ese centro, sen dicirllo. Nese camiño chegará mesmo a incitar a loucura deses individuos para poder comprobar o traballo que comezara.

Equipo: Nuria Cancela, Alba Pego, Laura Pose, Aitor Ramos
Reparto: Elisa Sánchez Sedes

Premios Darwin

Premios Darwin é a serie web galega que chega dende os escenarios ás pantallas. Levamos un ano e medio percorrendo Galicia con unha gala de premios na que todos os candidatos ás catro categorías Rigor Mortis, Mortes Interruptus, Thanatos e Mellor morte estranxeira son protagonistas de historias reais vencelladas coa morte.

Pero non calquera tipo de morte, non: senón a absurda. Todas e cada unha delas ocorreron na nosa vasta terra. O galardón é unha gadaña que ninguén vén recoller. E, en calquera caso, consideramos que, aínda que non todas as historias son gañadoras, si todas son merecentes de ser lembradas. Por iso, a xeito de obituario, de repositorio, é preciso facer este exercicio de narrativa audiovisual. Para que quede como pouso. Cargado de humor negro. E sobre todo, cheo de verdade.

Equipo: Carmen Conde, David Augusto, Guillermo Arias-Carbajal, Andrea Area, Julia Huertas, Neves Seara
Reparto: Carmen Conde, Óscar Cruz, Isabel Blanco, Jorge Boquete, Nastasia Zürcher

Cativos na cociña

Antonio, un cativo de cinco anos, está a descubrir un entorno novo. Mudou coa súa familia dende o Perú, terra do seu pai, ata Galicia, terra da súa nai. Cada cousa lle chama a atención: o mar, o vento, a choiva, o ceo, o monte… e, tamén, ademáis da nova paisaxe, hai algo que espreguiza tódolos seus sentidos: os sabores da cociña galega, cunha chea de produtos por coñecer… Antonio atópase feliz nesta Galicia enxebre. ¿Queres acompañalo nas súas aventuras polo Grove, “meu”?

Equipo: Tita Portela, Fred Fuentes
Reparto: Antonio Fuentes

Áureas, unha historia dos anos 20

1927. Un barco zarpa con centos de persoas na procura dunha nova vida. Unha viaxe sen volta atrás. Cada unha delas leva a maleta chea de soños, medos e ameazas, esperanzas e algún segredo inconfesable.

Cinco das mulleres que viaxan nese barco xuntarán os seu destinos por un elemento común. A música. O ritmo de moda, o foxtrot, e as músicas herdadas das súas terras de orixe, samba, muiñeira, klezmer ou tango serán a banda sonora da súa travesía

Equipo: Fon Cortizo, Javier Álvarez, Alexandre Cancelo
Reparto: Ailén Kendelman, Areta Bolado, Isabel Mouzo, Marina Vigo, Valentina Alonso, Cris Márquez