A terceira edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay outorgou esta tarde os seus galardóns, cun Premio de Honra ao humorista Pedro Reyes. “Un premio que nunca se dera no Festival”, segundo recordou a súa directora Sonia Méndez, “pero que tanto o xurado como a organización decidiu unanimemente dar nesta ocasión a unha persoa que xa non está con nós pero que admiramos profundamente”. O homenaxeado protagonizaba unha das webseries da sección oficial, Pedro Reyes For President, na que se narra a súa chegada á presidencia do goberno cun programa utópico: “honestidade brutal”.

Os premios desta edición estiveron moi repartidos. As gañadoras ofron El Partido, de Álex Rodrigo, que se alzou cos premios de Mellor webserie de imaxe real e de Mellor dirección coa súa historia de corruptelas políticas; Poetarras, que recuncan no premio á Mellor webserie en versión orixinal en galego, categoría na que xa gañaran na primeira edición do CIP, cos seus sketches arterrorísticos; Arthur, Mellor webserie internacional, coa súa historia dun asasino en serie que quere deixalo, categoría na que recibiu unha mención especial Aventuras de Corazón roto; Orfanato Atroz, que acadou o de Mellor webserie de animación, coa súa historia dun universo esmendrellado e aleatorio, categoría na que houbo mención especial para Niño Ratón. David Sainz gañou o Premio AGAG ao mellor guión, por El Colega Canario, a historia do típico panoco virxe da vila que tamén lle valeu o de mellor actor a Óscar Lara. Mentres que Esperanza Guardado gañou o Premio á mellor actriz, por Briget Jon de Triana. As persoas que asistiron ás proxeccións concederon cos seus votos o Premio do Público a Beto, a historia dun rapaz Sen traballo nin parella, cunha vida social limitada.

O Premio ao mellor proxecto de webserie en galego foi para Peter Brandon, de Porco Bravú. Un falso documental protagonizado polo humorista Pedro Brandariz.