Volve ao Carballo Interplay o Código Fuente Audiovisual, un formato híbrido entre a proxección e a conferencia no que unha persoa convidada desenvolve un discurso baseado en fragmentos das obras audiovisuais que marcaron a súa cultura e forma de entender o mundo. O ano pasado o convidado foi o cómico Xosé Antonio Touriñán. Este ano teremos a xornalista Belén Regueira, que fará un percorrido polo imaxinario audiovisual popular que ten conformado as identidades de xénero, baixo o título “Mulleres, homes e o audiovisual que os pariu”.

Do que se come, críase, e do que se mira tamén. Se é certo que non se nace muller, senón que se aprende a selo, aos homes pásalles outro tanto. Un repaso crítico polo audiovisual co que aprendimos a dividir o mundo entre uns e outras. E viceversa.

Belén Regueira Leal naceu na Coruña no ano grande do punk e de Antonio Rosón. É xornalista e gañou a vida durante uns anos como reporteira, presentadora e xuntaletras en programas informativos e de entretemento da Televisión de Galicia (Chambo,Tardes con Ana, Bos días, O país dos pequenos,Tourilandia…). Na Radio Galega dirixiu o programa Extrarradio e actualmente forma parte do equipo do magacín Galicia por diante.

belenregueira

Que é o Código Fonte Audiovisual?

As nosas lembranzas son fragmentos dun arquivo vivo, estamos constantemente producindo e reinterpretando imaxes, de feito estamos constituídos por imaxes Sentimos a necesidad de explicarnos a través do audiovisual. O Código Fonte Audiovisual é un espazo para xogar e para experimentar, un formato híbrido entre conferencia e proxección, e moitas cousas máis. Nel convídase un curator para que seleccione e comente pezas de vídeo embebibles que sexan referenciais para esa persoa: o seu código fonte de cultura audiovisual.

O formato Código Fonte Audiovisual distribúese coa licenza Creative Commons BY-SA e xorde no seo de EMBED, unha comunidade que reflexiona sobre o audiovisual contemporáneo e a cultura dixital aberta.